Educación e desenvolvemento humano


Research Paper (undergraduate), 2008
45 Pages, Grade: 10

Excerpt

ÍNDICE

Introdución

Concepto e aproximación histórica da educación

Concepto de desenvolvemento humano

Teorías sobre o desenvolvemento humano
- Teorías ambientalistas
- O innatismo
- Interaccionismo moderado
- Interaccionismo social

Presenza/Importancia da educación nas distintas etapas do desenvolvemento humano
- Educación Infantil
- Educación Primaria
- Educación Secundaria Obrigatoria
- Educación Secundaria Postobrigatoria

Conclusións

Bibliografía

INTRODUCIÓN

Os conceptos de Educación e Desenvolvemento Humano son, hoxe en día, pouco menos que inseparables, posto que non cabe pensar nun proceso educativo que non se corresponda ou adapte ao nivel madurativo e de desenvolvemento da persoa que del participa.

Non obstante, noutras épocas iso non foi así. Os nenos e adolescentes eran considerados como adultos en pequeno e dábase por suposto que estaban capacitados para aprender case as mesmas cousas ca estes, para que posteriormente (pouco despois) puidesen poñelo en práctica na vida cotiá.

Son moitas as definicións de educación e desenvolvemento que se poden atopar, por iso o que aquí se pretende non é engadir unha máis, senón establecer as bases comúns a todas do que si se considera un e outro.

Ademais disto, exporanse tamén as diversas teorías que fundamentaron e fundamentan cada un destes conceptos; algunhas quizais xa obsoletas pero necesarias para entender o nacemento e a vixencia doutras que prevalecen na actualidade.

Finalmente, establécese a conexión, que hoxe en día está clara pero que non sempre foi así, entre a proceso educativo e o desenvolvemento humano.

CONCEPTO E APROXIMACIÓN HISTÓRICA DA EDUCACIÓN

Etimoloxicamente, a educación ten dous significados: “educare”, que significa “conducir”, levar a un home dun estado a outro; e “educere”, que significa “extraer”, sacar algo de dentro do home.

Esta noción etimolóxica revela dúas notas da educación: por un lado, un movemento, un proceso e, por outro, ten en conta unha interioridade a partir da cal van brotar eses hábitos ou formas de vivir que determinan ou posibilitan que se diga que unha persoa é “educada”.

Por outra banda, a “educación” denota os métodos polos que unha sociedade mantén os seus coñecementos, cultura e valores e afecta aos aspectos físicos, mentais, emocionais, morais e sociais dunha persoa. A educación formal é a que se imparte, polo xeral, nunha escola ou institución que emprega homes e mulleres que están profesionalmente preparados para esta tarefa.

1. OS PRIMEIROS SISTEMAS

Os sistemas de educación máis antigos coñecidos tiñan dúas características comúns: ensinaban relixión e mantiñan as tradicións do pobo. No Antigo Exipto, as escolas do templo ensinaban non só relixión, senón tamén os principios da escritura, ciencias, matemáticas e arquitectura. De forma semellante, na India a maior parte da educación estaba en mans de sacerdotes.

A educación na antiga China centrábase na filosofía, na poesía e na relixión, acorde coas ensinanzas de Confucio e outros filósofos. O sistema chinés de exame civil, iniciado neste país hai máis de dous mil anos, mantense ata os nosos días, posto que, en teoría, permite a selección dos mellores estudantes para postos importantes no goberno.

Os métodos de entrenamento físico que predominaron en Persia foron moi enxalzados por varios escritores gregos, chegando a converterse no modelo de sistemas de educación da antiga Grecia, que valoraban tanto a ximnasia como as matemáticas e a música.

2. TRADICIÓNS BÁSICAS DO MUNDO OCCIDENTAL

Os sistemas de educación nos países occidentais baseábanse na tradición relixiosa dos xudeus e do cristianismo. Unha segunda tradición deriva da educación da antiga Grecia, onde Sócrates, Platón, Aristóteles e Isócrates foron os pensadores que influíron na súa concepción educativa. O obxectivo grego era preparar aos novos intelectualmente para asumir posicións de liderazgo nas tarefas do Estado e a sociedade. En séculos posteriores, os conceptos gregos serviron para o desenvolvemento das artes, a ensinanza de todas as ramas da filosofía, o cultivo da estética ideal e a promoción do entrenamento ximnástico.

Na época dos romanos, considerábase a ensinanza da retórica e a oratoria como aspectos fundamentais e chegaron a transmitir ao mundo occidental o estudo da lingua latina, a literatura clásica, a enxeñería, o dereito, a administración e a organización do goberno.

3. A IDADE MEDIA

No Occidente europeo, durante o século IX, ocorreron dous feitos importantes no ámbito educativo, unha no continente, na época de Carlomagno, e outra en Inglaterra, baixo o reinado do rei Alfredo.

O rei Alfredo promoveu institucións educativas en Inglaterra que eran controladas por mosteiros e que, posteriormente, foron abrindo as súas portas cara a outros países do continente.

Durante a Idade Media, as ideas do escolasticismo impuxéronse no ámbito educativo de Europa Occidental. O escolasticismo utilizaba a lóxica para reconciliar a teoloxía cristiá cos conceptos filosóficos de Aristóteles. Exemplos desta corrente foron filósofos como Anselmo de Canterbury ou Tomás de Aquino.

A pesar de que a partir do século XII comezaron a abrirse moitas universidades por todo o continente, a educación era un privilexio das clases superiores e a maior parte dos membros das clases baixas non tiñan acceso á mesma.

No desenvolvemento da educación superior durante a Idade Media, os musulmáns e os xudeus desempeñaron un papel crucial, pois non só promoveron a educación dentro das súas propias comunidades, senón que actuaron tamén como intermediarios do pensamento e da ciencia da antiga Grecia aos estudosos europeos.

4. HUMANISMO E RENACEMENTO

O Renacemento foi o período no que o estudo das matemáticas e os clásicos chegou a estenderse como consecuencia do interese pola cultura clásica grega e romana, que aumentou co descubrimento de manuscritos gardados nos mosteiros.

O espírito da educación durante o Renacemento está moi ben exemplificado nas escolas establecidas polos educadores italianos Vittorino da Feltre e Guarino Veronese en Mantua, o humanista alemán Erasmo de Rotterdam ou o humanista e filósofo español Luis Vives.

Durante esta época deuse gran importancia á cultura clásica grega e romana ensinada nas escolas de gramática latina que, orixinadas na Idade Media, chegaron a ser o modelo da ensinanza secundaria Europa ata o inicio do século XX.

5. A INFLUENZA DO PROTESTANTISMO

As igrexas protestantes xurdidas da Reforma promovida por Martín Lutero no inicio do s. XVI estableceron escolas nas que se ensinaba a ler, escribir, nocións básicas de aritmética, o catecismo nun grao elemental e cultura clásica, hebreo, matemáticas e ciencias, no que poderiamos denominar ensinanza secundaria.

6. A INFLUENZA DA IGREXA CATÓLICA

O século XVII foi un período de rápido progreso de moitas ciencias e de creación de institucións que apoiaban o desenvolvemento do coñecemento científico. A creación destas e outras organizacións facilitou o intercambio de ideas e de información científica e cultural entre os estudosos dos diferentes países de Europa.O Hospital de Cristo de Londres foi probablemente a primeira escola de secundaria en ensinar ciencia con certo grao de competencia.

A importancia da ciencia manifestouse nos escritos do filósofo inglés do s. XVI Francis Bacon, quen fundamentou os procesos de aprendizaxe no método inductivo, que anima aos estudiantes a observar e examinar de forma empírica obxectos e situacións antes de chegar a conclusións acerca do observado.

Durante o século XVII, moitos educadores exerceron unha ampla influencia. René Descartes, o filósofo francés, salientou o papel da lóxica como o principio fundamental do pensamento racional, postulado que se mantivo ata a actualidade como base da educación en Francia. O filósofo inglés John Locke recomendaba un currículo e un método de educación baseado no exame empírico dos feitos demostrables antes de chegar a conclusións.

Quizais, o máis destacado educador do século XVII fora Comenio. O seu labor no campo da educación motivou que recibira invitacións para ensinar por toda Europa. O seu obxectivo educativo podería resumirse na seguinte frase: “ensinar a través de todas as cousas a todos os homes”, postura que se coñece como pansof í a. Os esforzos de Comenio polo desenvolvemento da educación universal valéronlle o título de “mestre de nacións”.

7. O SÉCULO XVIII: ROUSSEAU E OUTROS

O teórico educativo máis relevante do século XVIII foi J.J. Rousseau, nacido en Xenebra. A súa influenza foi considerable tanto en Europa como noutros continentes.

En Emilio (1762) insistiu en que os alumnos deberían ser tratados como adolescentes máis que como adultos en miniatura e que se debe atender á personalidade individual. Entre as súas propostas concretas estaba a de ensinar a ler a unha idade posterior, e o estudo da natureza e da sociedade por observación directa. As súas propostas radicais só eran aplicables aos nenos; as nenas debían recibir unha educación convencional.

As contribucións educativas de Rousseau déronse en gran parte no campo da teoría; correspondeu a moitos dos seus seguidores poñer as súas ideas en práctica. O educador alemán J. Basedow e outros abriron escolas en Alemaña e en diferentes partes baseándose na idea de “todo segundo a natureza”.

8. O SÉCULO XIX E A APARICIÓN DOS SISTEMAS NACIONAIS DE ESCOLARIZACIÓN

O máis influínte de todos os seguidores de Rousseau foi o educador suízo J. Pestalozzi, con ideas e prácticas que exerceron grande influenza nas escolas de todo o continente. O principal obxectivo de Pestalozzi foi adaptar o método de ensinanza ao desenvolvemento natural do neno. Para acadar este obxectivo, consideraba o desenvolvemento harmonioso de todas as facultades do educando (cabeza, corazón e mans).

Outros influíntes educadores foro o alemán F. Fröebel, que introduciu os principios da psicoloxía e da filosofía en ciencias da educación; o filósofo H. Spencer, que defendía o coñecemento científico como o tema máis importante a ensinar na escola, e outros.

O século XIX foi o período no que os sistemas nacionais de escolarización se organizaron no Reino Unido, en Francia, en Alemaña, en Italia, en España e noutros países europeos. Así foi como pola Lei de 21 de xullo de 1838 se crearon as primeiras escolas de Maxisterio, que tiñan por obxectivo formar e capacitar aos futuros mestres.

As novas nacións independentes de América latina miraron a Europa e a Estados Unidos buscando modelos para as súas escolas. Xapón intentou occidentalizar as súas institucións tomando as experiencias de varios países europeos e de Estados Unidos como modelo para o establecemento do sistema escolar e universitario moderno.

9. O SÉCULO XX: A EDUCACIÓN CENTRADA NA INFANCIA

A comezos do século XX, a actividade educativa veuse moi influída polos escritos da feminista e educadora sueca Ellen Key. A educación progresista era un sistema de ensinanza baseado nas necesidades e nas potencialidades do neno máis que nas necesidades da sociedade ou en preceptos relixiosos.

En Estados Unidos tivo unha enorme influenza o filósofo e educador John Dewey, que logo se estendeu a todo o mundo. O programa de actividade que se derivaba das súas teorías fortalecía o desenvolvemento educativo do alumno fomentando as súas necesidades e intereses. Chegou a ser o método principal de instrución durante moitos anos nas escolas de Estados Unidos e doutros países.

É tamén de especial relevancia a época da Revolución Rusa (1917) polo pulo tecnolóxico que supuxo.

O século XX estivo marcado pola expansión dos sistemas educativos das nacións industrializadas, así como pola aparición dos sistemas escolares entre as nacións máis recentemente industrializadas de Asia e África.

A educación básica obrigatoria é hoxe practicamente universal, pero a realidade indica que un amplo número de nenos nos acoden á escola.

Esta situación puxo de manifesto a necesidade de crear unha institución que se ocupe da formación e especialización das persoas que logo levarán a cabo o proceso educativo exposto.

10. O SÉCULO XXI

O grande reto no mundo da ensinanza de hoxe é contar con novas formulacións e con profesores competentes para as mesmas.

As variacións do coñecemento científico e das estruturas sociais e culturais estanse a producir a un ritmo tan acelerado que non dan tempo á busca e asentamento de novos modelos e concepcións do entramado educativo, o que pode dar lugar a unha nova etapa de crise no sistema educativo.

O que se intenta aplicar cada vez con máis contundencia é a atención á diversidade, que propugna unha educación baseada no nivel de desenvolvemento individual de cada neno ou persoa que participe no proceso de ensinanza-aprendizaxe.

Un dos grandes retos para a educación do século XII son as Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (NTIC), as cales representan novos modos de expresión e, polo tanto, novos modelos de participación. A clave está en establecer o seu sentido e achega no proceso de ensinanza- aprendizaxe.

CONCEPTO DE DESENVOLVEMENTO HUMANO

Aínda que moitas veces termos como crecemento, maduraci ó n e desenvolvemento se empreguen indistintamente e se poida pensar que son case sinónimos ou que se refiren a conceptos similares, débese destacar que desde a óptica da psicoloxía o seu significado é diferente. Non obstante, na práctica, todos estes conceptos precisan apoiarse mutuamente para entender como evoluciona ou se desenvolve o ser humano ao longo da súa vida.

Os procesos de crecemento, maduración e desenvolvemento transcorren, polo tanto, de forma paralela e harmónica, sendo o seu significado o que se vai referir a continuación.

- CRECEMENTO

O crecemento refírese aos cambios físicos que se producen nun organismo; son de tipo cuantitativo, é dicir, pódense medir e tabular.

O crecemento nas persoas exprésase normalmente a través do peso e da estatura; mais tamén pode haber outras medicións como perímetros craneais ou torácicos, ou volumes como a capacidade e o peso da masa encefálica.

- MADURACIÓN

Pódese entender por maduración o proceso que se produce nun organismo cando se da algunha destas tres circunstancias:

- Cambios celulares e de composición química que poden afectar na súa evolución a diferentes sistemas (nervioso, endocrino, dixestivo, etc.).
- Cambios morfolóxicos (de forma, de apariencia, de aspecto externo...).
- Cambios de movementos ou accións (condutas) específicas determinadas bioloxicamente.

En definitiva, trátase dos cambios biolóxicos operados no ser humano que van permitir a adquisici ó n de novas capacidades. Por exemplo, é imposible que un neno de 6 meses poida andar, porque tanto a maduración do seu cerebro como a do seu sistema locomotor non están suficientemente desenvolvidas como para realizar esta acción. É posible que o consiga aos 10 meses, mais tamén o é que non sexa capaz de facelo ata os 15. Só cando a maduración dos seus sistemas, aparatos e órganos sexa suficiente se poderá avanzar na consecución de novas aprendizaxes.

Neste sentido, pódese afirmar que a maduración está relacionada coa idade e determinada bioloxicamente.

- DESENVOLVEMENTO

Se o proceso evolutivo dunha persoa está constituído polas tres variables (crecemento, maduración e desenvolvemento), este último poderíase concretar como o que queda despois de restarlle o proceso de crecemento e a maduración. Pero esta resta é unha trampa: só se pode formular hipoteticamente, xa que o desenvolvemento humano non se pode producir se non hai un corpo físico que o sustente e unha maduración que o posibilite. De todas formas, esta operación, aínda que incorrecta, serve para diferenciar o desenvolvemento como algo distinto ao crecemento e á maduración. Se estes se refiren a cuestións físicas, o desenvolvemento referirase a cuestións psíquicas.

Deste xeito, pódese definir o desenvolvemento humano como un proceso de cambios ps í quicos que afectan á maneira de sentir e de pensar e tam é n á forma de comportarse e de actuar. O desenvolvemento é o responsable da formación e do perfeccionamento das capacidades especificamente humanas como a linguaxe, a memoria, etc. Os cambios producidos no desenvolvemento son de tipo cualitativo, inícianse coa fecundación e prodúcense durante toda a vida da persoa. De feito, o desenvolvemento humano iníciase no momento da concepción e é moi activo ao longo de todo o embarazo.

Como disciplina, o campo de actuación do desenvolvemento humano é moi amplo, polo que para facilitar o seu estudo foi estruturado en distintas áreas en relación directa cos diferentes ámbitos da personalidade que a educación pretende desenvolver nun individuo: cognitivo, motor, socioafectivo.

TEORÍAS SOBRE O DESENVOLVEMENTO HUMANO

A psicoloxía é unha ciencia relativamente nova (no 1879 Wundt constrúe o primeiro laboratorio psicolóxico en Alemaña).

Orixinariamente, apareceron dúas correntes baseadas en dous modelos psicolóxicos distintos, o mecanicista e o organicista, intentando dar unha explicación plausible e lóxica de por que as persoas evolucionan e se desenvolven.

- A corrente mecanicista considera a persoa como unha máquina que reacciona e actúa a medida que é estimulada desde o exterior. O suxeito así concibido non ten capacidade de razoamento nin de decisión propios e dependerá para o seu desenvolvemento dos estímulos do exterior ou ambientais. Esta psicolox í a ambientalista, esta forma de ver as cousas deriva da filosofía empirista. Así, o desenvolvemento, para esta corrente, é un proceso continuo que depende das aprendizaxes que se adquiren a medida que se produce a maduración do organismo; polo tanto, os cambios que se producen son cuantitativos.
- Outro modelo é o organicista, que filosoficamente podería estar vinculado ao racionalismo. Nel contémplase ao individuo como un organismo activo, cunha dinámica activa e en dirección a uns fins, que non dependerán para se desenvolver tanto do exterior como de si mesmo. Deste modelo derivou a psicolox í a innatista. Segundo esta psicoloxía, os cambios de conduta na persoa son o resultado de procesos internos. O desenvolvemento é considerado como un proceso descontinuo no que se van producindo cambios que se van ordenando cualitativamente en distintas etapas.
- Posteriormente, xorde outra corrente psicolóxica na que se acepta que as persoas, para se desenvolver, necesitan tanto de factores ambientais como de factores innatos ou hereditarios, sen darlle máis importancia a uns factores ca a outros. Esta terceira vía, chamada interaccionista, é unha consecuencia das dúas primeiras e continúa circunscrita a unha forma de pensar empirista e racionalista.

[...]

Excerpt out of 45 pages

Details

Title
Educación e desenvolvemento humano
College
University of Vigo
Course
Curso de Aptitude Pedagóxica
Grade
10
Author
Year
2008
Pages
45
Catalog Number
V171880
ISBN (eBook)
9783640915095
ISBN (Book)
9783640915279
File size
540 KB
Language
Portugues
Tags
educación
Quote paper
Iolanda Mato Creo (Author), 2008, Educación e desenvolvemento humano, Munich, GRIN Verlag, https://www.grin.com/document/171880

Comments

  • No comments yet.
Read the ebook
Title: Educación e desenvolvemento humano


Upload papers

Your term paper / thesis:

- Publication as eBook and book
- High royalties for the sales
- Completely free - with ISBN
- It only takes five minutes
- Every paper finds readers

Publish now - it's free